Friday 17 de May de 2024

Lousame conmemorará o Día do Libro con “Camiños”, espectáculo musical de Magín Blanco, e agasallando libros á veciñanza


Todos os veciños e veciñas que se acheguen o luns 23 pola Casa da Cultura recibirán un libro de agasallo, debido á participación do Concello lousamiá na iniciativa da Deputación “Libros para sermos libres”

O Concello de Lousame conmemorará o Día do Libro con dúas actividades: un espectáculo musical e o agasallo dun libro. Dúas actividades abertas á libre participación de calquera veciño ou veciña e que terán lugar na Casa da Cultura o domingo 22 e o luns 23 de abril, ás 19:00 e 18:00 horas, respectivamente.

Así, o domingo 22 de abril, ás 19:00 horas, a Casa da Cultura de Lousame acollerá o espectáculo musical “Camiños”, 50 minutos dunha nova aventura para todos os públicos de Magín Blanco, un dos mellores músicos e compositores de Galicia dedicados ao público infantil e xuvenil. Trátase dunha mestura de música, teatro, poesía e contos dirixidos a enriquecer a imaxinación e a creatividade dos nenos e nenas. Un espectáculo no que se empregarán contos e poemas de Carlos Meixide, Víctor Freixanes, Ledicia Costas, Francisco Castro, Paula Carballeira, Anxos Sumai, Marta Somoza, María Lado, Antonio García Teijeiro e Eva Mejuto.

Agasallo de libros

Un día despois, o propio 23 de abril, o Concello de Lousame participará na campaña “Libros para sermos libres”, unha iniciativa da Deputación da Coruña para conmemorar o Día Internacional do Libro. Deste xeito, os veciños e veciñas de Lousame que se acheguen ás 18.00 horas pola Casa da Cultura recibirán o agasallo dun libro doados pola Deputación Provincial.

Uns exemplares que proveñen dos fondos da Deputación da Coruña, polo que son títulos de edición propia entre os que se encontran as obras gañadoras de premios como o Torrente Ballester, o Rafael Dieste, o Murguía, o Castelao ou o González Garcés, ademais doutros que se refiren ás recentes conmemoracións como o Día das Artes Galegas coa artista Maruxa Mallo como protagonista. Entre a selección de títulos atópanse tamén clásicos como “Cousas” de Castelao, centro dun recente programa literario-teatral que se realizou en diversos concellos.